A MÚSICA DE CECEBRE
.png)
INFO
A vizosa, pracibre Cecebre á que Eduardo Pondal se referiu é terra de músicos. Desde Pedro Gómez Rego, tamborileiro e veciño do coto de Cecebre (que asina en 1614 contrato para actuar nas festas do San Roque en Ferrol), pasando polo xastre e músico de gaita Domingo (referencia de 1752 segundo o Catastro do Marqués da Ensenada) até formacións diversas como a “Banda de Cecebre”, o cuarteto “Os Mariñáns”, o grupo “Los Españoles”, a orquestra “Los Satélites” ou a “Orquesta Sinfónica de Maracaibo” (alén mar), atopamos máis dunha ducia de agrupacións que gozaron de grande sona no seu tempo e que se nutriron do bo facer destes músicos dunha aldea da Coruña a medio camiño entre as Mariñas dos Condes (Betanzos) e as Mariñas dos Freires (Cambre).
A música de Cecebre apareceu en 1897 baixo a dirección do vello José Barral, e funcionaba sobre a súa familia e achegados, caso de José Moris, outro dos grandes patriarcas musicais da aldea. O 15 de xullo de 1907 a banda de Cecebre acada o segundo premio no certame de murgas das festas de Betanzos, por detrás da murga da Coruña e diante da de Ferrol, outro fito nunha formación de prestixio que amenizou todas as festas e bailes das Mariñas ininterrumpidamente até comezos da guerra civil. Esta primixenia agrupación deu paso a moitas outras como a “Orquesta Barral”, “Fillos de Barral”, “Novos Barrales”, “Netos de Barral”, “Orquesta Iberia” ou a “Orquesta Moris Unión”, entre outras.
Recollendo este legado, “A música de Cecebre” rexurde agora baixo a dirección de Pedro Lamas (Vaamonde, Lamas e Romero, Radio Cos, Orquestra de Jazz de Galicia) e reúne ás novas xeracións de músicos de Cecebre e a súa contorna para recuperar a tradición musical dos seus avós, dando un novo alento a unhas músicas case esquecidas que amenizaron os bailes e salóns de entre séculos, até ben chegados os anos 40 e 50
A MEMORIA ORAL DUNHA MÚSICA E DUN TEMPO
O tempo no que nacen as murgas e charangas foi un tempo de transición desde un mundo aínda eminentemente rural a outro no que comezaban a albiscarse os primeiros signos do que, pouco a pouco, habería de vir máis tarde: un universo de usos e relacións máis urbanas. Foi o tempo da chegada ao rural dos primeiros medios de difusión cultural e de lecer a distancia, especialmente radio e cine.
Un contexto que deixou, desde logo, a súa pegada no uso de instrumentos, adaptación de melodías, novos bailes, etc. Pero que deixou tamén, e isto é o que nos interesa neste apartado, todo un torrente de memoria colectiva expresada en historias, contos, lerias, ditos, letras e outras formas de literatura oral relacionada con esa música e ese tempo.
HUMOR, DIVERSIÓN E EVOCACIÓN
No repertorio das murgas e charangas ten moita importancia o humorístico, o burlesco, o satírico. É un repertorio que, en xeral, pretende divertir. Por outra parte, e escoitado desde hoxe en día, ese repertorio e ese xeito fala dun tempo que, por efecto da memoria colectiva, produce deleite evocativo. Coas intervencións orais pretendemos pór en valor eses ingredientes, humor, diversión e evocación, esenciais neste tipo de música.
Bruno Cabado, clarinete
Luís De Francisco, saxo alto
Nicolau Rodríguez, trompeta
Iago Ríos, trombón
Rubén Carro, tuba
Ramón Dopico, batería
Pedro Lamas, gaita e dirección
+ Artista convidad@, voz
WEB
